Heroínas é unha antoloxía de mulleres fortes, valentes ou extraordinarias. “Or, to use a key word that has been at the top of the feminist agenda for the last few decades: this exhibition is interested in images which could be sources of “empowerment” for women themselves”.
Mozas espartanas desafiando aos seus compañeiros, c. 1860. Edgar Degas
Os inventarios de heroínas veñen desde as mulleres sobranceiras de Homero e Hesíodo, onde elas só figuraban cos papeis secundarios á beira dos homes: nais e fillas, esposas ou amantes dos heroes.
Ifixenia (segunda versión), 1871. Anselm Feuerbach
Lembramos que o primeiro compendio de mulleres ilustres "polos seus propios méritos" foi o De claris mulieribus de Boccaccio, que seguía a pegada do De viris illustribus de Petrarca. Con mentes de correxir o punto de vista de Boccaccio, Christine de Pizan escribiu no 1405 a primeira defensa das mulleres escrita por unha muller: Le Livre de la cité des dames, onde se vía que a histórica desvantaxe da muller, non era de seu, senón que viña do costume. Velaí onde principiaba a longa Querelle des Femmes que aínda non rematou arestora.
Mesmo cando a exposición é tamén pensada como unha caste de “cidade das mulleres” centrada máis no ciclo da modernidade, desde o século XIX ata a actualidade, en todas as salas vese o vestixio da Grecia clásica: as mulleres únicas da mitoloxía, e algunhas históricas, tal as mulleres espartanas ou a muller poetisa.
Podemos ollar mesturadas obras de distintas épocas, estilos e linguaxes artísticas que nos fan cavilar no que é trocado co tempo e no que segue igual so as diferenzas.
Unha ou varias visións de mulleres artistas asegún as imaxes creadas polos seus colegas homes, ofrécensenos en cadansúa sala-capítulo.
A exposición ten dúas partes en dous espazos: a primeira vese no Museo Thyssen-Bornemisza, e salienta o poder físico das heroínas; a segunda está na Fundación Caja Madrid, e reservouse para a mostra dos poderes máis espirituais.